COMARCA DE LUGO: RÉXIME XUSTIFICACIÓN SUBVENCIÓN LEADER

jueves, 11 de mayo de 2017

RÉXIME XUSTIFICACIÓN SUBVENCIÓN LEADER

Artigo 24. Réxime de xustificación

3. Os investimentos xustificaranse, para cada un dos gastos realizados, a través da seguinte documentación:
a) Facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente debidamente desagregadas por conceptos ou unidades de obra.
A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao que resulta do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
O GDR selará as facturas e indicará a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, tamén, neste último caso, a porcentaxe que resulte afectada pola subvención e, posteriormente, devolveraas ao promotor.
b) A documentación acreditativa do pagamento efectivo en favor dos acredores:
1º. Como regra xeral, presentarase o xustificante bancario de pagamento por parte do beneficiario (xustificante de transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en conta, certificación bancaria, etc.) en que conste o concepto facturado e o número de factura, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

2º. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio, etc.), achegarase copia do efecto mercantil, xunto coa documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.
3º. Os xustificantes de pagamento obtidos a través da banca electrónica deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente.
4º. Para os efectos da súa xustificación, no caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, estes deberán incluírse, xunto coa factura, nunha única solicitude de pagamento.
4. Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución e xustificación dos investimentos, é dicir, a partir do día da solicitude de axuda (con excepción dos custos xerais vinculados ao investimento sinalados na letra e) do artigo 4 que poderán ser de data anterior) e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos que determine a resolución de concesión da axuda.
5. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas e conceptos de gasto do orzamento aceptadas por Agader na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza do proxecto subvencionado.


No hay comentarios:

Publicar un comentario